Monday 06 de May de 2024

O Concello promove a gala do XXXI Certame de Música do Nadal Cidade da Coruña, cun concerto no que terán protagonismo sete corais da cidade


Na actuación tomarán parte o Coro Sancta María Maris, o Orfeón Herculino, El Acorde Secreto, Canticorum, o coro do Sporting Club Casino, a Coral da Sagrada Familia e a Coral Polifónica Follas Novas

O concerto terá lugar este luns, 12 de decembro, ás 20.00 horas. Será de acceso libre ata completar capacidade

O Palacio da Ópera acollerá mañá, desde as 20.00 horas, a gala do XXXI Certame de Música do Nadal Cidade da Coruña, un evento promovido polo Concello no contexto da programación festiva por estas datas, e que reunirá a sete corais da cidade nun concerto que será de acceso libre ata completar capacidade.

A actuación, que dá continuidade ás actividades culturais impulsadas polo Goberno de Inés Rey neste Nadal, rende homenaxe a corais de recoñecido prestixio e percorrido na historia da cidade, como o Coro Sancta María Maris, o Orfeón Herculino, El Acorde Secreto, Canticorum, o coro do Sporting Club Casino, a Coral da Sagrada Familia e a Coral Polifónica Follas Novas.

Este concerto, unha cita xa tradicional do calendario de Nadal na Coruña, foi posto en valor pola alcaldesa, que destacou a importancia de “apoiar ás entidades e asociacións culturais da Coruña, que forman parte do patrimonio histórico e cultural da nosa cidade”.
A información completa xa está dispoñible na páxina web da área municipal de Cultura.

As corais ofrecerán concertos ata o vindeiro día 18 en María Pita

Ademais do XXXI Certame de Música do Nadal Cidade da Coruña, as corais da cidade continuarán a ofrecer espectáculos na cidade dentro do ciclo de Concertos de Nadal, que acolle a Praza de María Pita desde comezos de decembro e se prolongará ata o vindeiro día 18.

O calendario das vindeiras actuacións é o seguinte:
● 17 de decembro: Asociación Cultural El Acorde Secreto (18.00 horas) e a Asociación Xogos Tonais (20.00 horas).
● 18 de decembro: Coro Sancta María Maris (18.00 horas) e a Agrupación Polifónica Coruñesa Canticorum (20.00 horas).